martes, 10 de setembro de 2019

BO INICIO DE CURSO!


Chegou o momento de despedirse das vacacións de verán, para afrontar a chegada dun novo curso.

Volver ás rutinas diarias: deitarse cedo, madrugar... pero sobretodo recuperar a dinámica do cole, sempre dende unha perspectiva positiva.
Soa triste e incluso negativo deixar todo o bo que teñen as vacacións, máis debemos afrontar con ledicia e ilusión un novo curso que se abre diante de nós, con todo o que iso supón...

Recuperar as amizades que durante o verán non puidemos ver, contarlle aos compañeiros todas as experiencias vividas durante este tempo, reencontrarse cos mestres e mestras, percorrer os corredores do centro, voltar as aulas, ollar os novos libros con ese arrecendo peculiar que albergan as súas follas, estrear o material escolar, xogar no patio e gozar deses recreos que tanto prestan...

Para algúns, a de hoxe será unha noite de nervios ante a posibilidade de que haxa un cambio de compañeiros. Pero, non hai nada mellor que coñecer a nenos novos cos que nunca tiveches oportunidade de establecer unha relación, e que seguramente poderán ser grandes amigos que se unirán aos de cursos pasados... cantos máis mellor!

A incerteza de saber que mestres nos darán clase, tamén xera curiosidade...

A noite antes do comezo do curso, a unha horas de que chegue o primeiro día do CURSO 2019.20, nas mans de todos está conseguir que sexa un curso inolvidable: ALUMNXS, MESTRXS e FAMILAS!

Carguémonos de positivismo e de ilusión!

Aprenderemos xuntos, divertirémonos, festexaremos, xogaremos, experimentaremos, medraremos, caerémonos... pero xuntos voltaremos a levantarnos, porque a aprendizaxe é un camiño que percorremos da man, avanzando xuntos, para que os logros sexan celebrados por todxs.

Para min é un pracer, un curso máis, ser mestra do CPI DE PONTECESURES, onde comecei a miña andaina alá polo ano 2010... e cada setembro comezo cargada de enerxía e ilusión ante a nova oportunidade que se abre aos meus pés, na que traballo cóbado a cóbado con alumnxs, mestrxs e familias, no preoceso de ensino-aprendizaxe, que é mutuo, pois ensinando tamén se aprende e biceversa.

Os meus mellores desexos para TODXS XS ALUMNXS en xeral, e para os do meu cole en particular!

Agárdovos mañá, cun gran sorriso, cos brazos abertos e con todas as miñas ganas e o meu corazón!

BO INICIO DE CURSO 2019.20!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.