mércores, 26 de decembro de 2018

sábado, 22 de decembro de 2018

FESTA DE NADAL 2018


Onte tocou despedir o 1º Trimestre deste curso 2018.19, día de festa, de celebración, de comilona, baile, risas e diversión para despedir este derradeiro día.

Puxémoslle o broche de ouro cunha “FESTA DE NADAL” na que participou todo o alumnado interpretando cancións coa temática destas datas.



E.I. : “BUSCANDO PAPÁ NOEL”
e “SANTA CLAUS ROCK”


1º: “NAVIDAD TWIST”
e "THE SANTA CLAUS ROCK”


2º: “NUESTRA CANCIÓN DE NAVIDAD”
e "HELLO REINDEER, GOODBYE SNOWMAN”


3º: “EN ESTAS NAVIDADES”


4ºA: “HECHO CON TUS SUEÑOS” 


4ºB: “HECHO CON TUS SUEÑOS”

5º. 6ºA e 6ºB : “NON AS QUITO!”
(Versión da canción “Despacito”)




Viñeron a “animar” a festa uns personaxes moi  especiais: a patrulla canina, os minios e un angry brid, que estiveron bailando con nós.


E como guinda do pastel... OS REIS MAGOS, que chegaron acompañados dos seus paxes, recolleron as nosas cartas e agasalláronos cunha bolsa de chuches!



Así da gusto rematar o cole!

Agora temos ben merecidas unhas VACACIÓNS para descansar un pouco despois de todo o traballo deste 1º trimestre.

FELICES VACACIÓNS!

BOAS FESTAS!

mércores, 19 de decembro de 2018

RCP


Esta semana tivemos a sorte de poder recibir formación sobre RCP (Reanimación CardioPulmonar) as mans de Belén, unha enfermeira da UCI do CHUS, que tamén é mamá de dous alumnos do noso centro.

O alumnado de 3º a 6º de E.P. gozou dunha sesión de formación, tanto teórica como práctica, para saber actuar no caso de atoparse ante unha situación de “morte súbita”.


A experiencia foi moi enriquecedora para o alumnado. De feito, consideramos que é de vital importancia, pois ninguén estamos exentos de atoparnos ante unha situación así, e ter estás nocións para saber actuar rápida e eficazmente son fundamentais para axudar a salvar unha vida.

Os pasos a seguir se observamos como unha persoa se “desploma” ante nós, serían os seguintes:

Ø  O primeiro de todo, é Pedir AXUDA: gritando para que nos escoite a xente que está ao noso arredor!
Ø  Despois debemos comprobar se está consciente ou inconsciente.

Mentres comezamos a actuar, temos que:
CHAMAR AO 112
Dende alí activarase o protocolo de emerxencia sanitaria, enviaran unha ambulancia ao lugar dos feitos e guiarannos vía telefónica para saber que temos que ir facendo.  
(Se hai máis persoas con nós, mentres unha chama, a outra, comeza a actuar!)

* Se está CONSCIENTE:
Ø  Axitámolo polos ombreiros falándolle a ver se nos resposta.
Ø  Se nos contesta, ou se recupera, quedámonos ao seu lado acompañándoo ata que chegue a axuda médica (se fose preciso).

* Se non responde, non reacciona, e que está INCONSCIENTE, e debemos seguir os seguintes pasos:
Ø  O primeiro e comprobar se RESPIRA ou NON RESPIRA:
·        A primeira intervención que nos permite salvar unha vida cun xesto moi sinxelo é a MANOBRA FRONTE-MENTÓN: coa que evitamos que a lingua tapone a entrada do aire e se asfixie.
NUNCA se meten os dedos na boca para colocar a lingua!



·        Unha vez realizada esta manobra, debemos achegar a nosa cara á zona da boca e do nariz da persoa que se “desplomou”:
·        OÍR, VER E SENTIR: oír se hai respiración, sentir na nosa meixela se sae o aire da súa boca e ver se a zona torácica se move.



Ø  Se RESPIRA: debemos proceder a colocala en POSICIÓN LATERAL DE SEGURIDADE para evitar que se atragante pola acumulación de saliva ou co seu vómito (no caso de vomitar)...
Como se fai? Xs nenxs, quedoulles moi claro con estes 4 pasos:
- Brazo de policía.
- Bufanda.
- Perna
- Boca mentón.


·        Quedarémonos coa persoa ata que chegue a axuda médica, vixiándoa e controlándoa.

Ø  Se NON RESPIRA: debemos comezar a realizar COMPRESIÓNS:
·        Belén ensinounos como e onde colocar as mans e como realizar o movemento, destacando que debemos realizar unhas 100 compresións por minuto, e para coñecer o ritmo a seguir, nada mellor que a canción de “Bob Esponja”.
·        Como é agotador, aos 2 minutos precisamos que nos releven (se é posible).
·        Realizar o “BOCA A BOCA” non é preciso, porque é complicado, e para facelo mal, mellor non facelo e realizar só as compresións, ata que chegue persoal cualificado.



Belén tamén nos falou de como actuar ante un ATRAGANTAMENTO:
Ø  O primeiro e deixar que tusa, animalo!
A TOS É UN SISTEMA DE DEFENSA DO CORPO ante esta situación.
Ø  Se vemos que “afoga”, que o anaco de alimento que tragou non sae tusindo, hai que actuar.
o   Inclinamos un pouco á persoa e dámoslle 5 golpes nas costas (entre ás dúas omoplatas, máis ou menos na zona de abaixo dos mesmos).
o   Se segue sen saír: procedemos á realizar a MANOBRA DE HEIMLICH.
o   Aprendemos algo moi importante: se non somos capaces de “abrazar” á persoa, apoiamos á mesma sobre unha parede, unha árbore, unha sinal... e facemos presión na mesma zona (xusto por riba do embigo) e presionamos fortemente cara arriba para conseguir que o alimento que obstruía a entrado do aire, saia.


Da gusto poder contar coa formación directa de especialistas na materia, coma Belén, que poñen todo o seu coñecemento á disposición do noso alumnado, con temas tan importantes como estes.

MOITAS GRAZAS!





xoves, 29 de novembro de 2018

ROMANCE DA BELA ROSA

O pasado 25 de NOVEMBRO celebrouse o 
DÍA INTERNACIONAL 
CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO



Por desgraza, unha lacra da nosa sociedade, contra a que debemos loitar, TODXS XUNTXS!

Sen dúbida, a educación é fundamental, posto que dende a infancia, debemos inculcar nxs pequenxs valores de respecto e igualdade de xénero, para precisamente, evitar que se produza ningún tipo de violencia neste sentido (nin en ningún).

Abrimos unha “choiva de ideas”, para traballar este tema, partindo dos coñecementos previos do alumnado. A partir de aí, abrimos un intenso debate no que analizamos todo tipo de comportamentos negativos que se dan na sociedade, non só entre xs adultxs, tamén entre x nenxs, e non só coa violencia física, senón tamén coa psicolóxica.

Comentamos as noticias, que por desgraza invaden a diario a prensa de todo o mundo, analizando que comportamentos negativos se poden dar para chegar a extremos de violencia de xénero, destacando que a inmensa maioría destas agresións sófrena as mulleres ás mans de homes.

Hai comportamentos machistas no día a día, aos que estamos tan acostumados, toda a sociedade, que os temos interiorizados, pero que temos que loitar para “desterralos”: empezando pola separación por sexos que se dan nos xogos dende que son pequenxs, a roupa e a maneira de vestir, as cores, as características persoais e emocionais...

Quixen determe nun apartado especial, que está presente todos os días na vida de todas as persoas, e que é a MÚSICA: todxs escoitamos música, sobre todo a de maior actualidade... repetimos retrousos pegadizos, sen moitas veces analizar o que din, e sen decatarnos, de que moitas veces, agochan comentarios machistas...


Non se trata de adoctrinar ao alumnado para que deixe de “consumir” música deste tipo... senón de educar e conseguir que xs nenxs desenvolvan un pensamento crítico.


A música non so se emprega como “ferramenta de ocio e goce”, senón que é unha arma moi poderosa de protesta social, e dende hai séculos, existen cantautoras e cantautores que loitan e denuncian temas desta índole nas súas letras.

Neste caso, aproveitei para falar de grandes músicas galegas da actualidade, que nas súas cancións “gritan ben alto” para darlle voz a inxustizas.

Escoitamos e traballamos coa canción que a cantautora María Xosé Silvar (máis coñecida como SES): “ROMANCE DA BELA ROSA”

Un romance no que tras a metáfora dun rosa, se esconde o tema da opresión, e nesta ocasión, nos quixemos analizala e entendela desde o punto de vista da opresión e a violencia machista.

Realizamos unha representación onde as mans do alumnado eran as que falaban para intentar darlle sentido á letra de tan fermoso romance.



martes, 20 de novembro de 2018

DÍA UNIVERSAL DA INFANCIA


DÍA UNIVERSAL DA INFANCIA é unha xornada dedicada ás nenas e aos nenos, que ten por finalidade a visibilización e promoción dos seus dereitos así como concienciar as persoas respecto destes.
A idea de festexar o “Día da infancia” xurdiu o 20 de novembro de 1959, cando a Asemblea Xeral da ONU tivo unha reunión na que decidiu reafirmar os dereitos dos nenos universalmente.
Desde aquela, cada país conta cun día para celebrar e organizar actividades para axudar a desenvolver o benestar dos cativos en todo o planeta.
En moitos países varía a data da celebración, pero é o 20 de novembro cando se celebra mundialmente.
Na clase de V.S.C. (valores sociais e cívicos), levamos tempo traballando sobre esta conmemoración. 




O alumnado buscou información na rede sobre a mesma, fixeron unha posta en común, para entre todos redactar un resumo para explicarlle ao resto de compañeirxs de onde xurdiu a necesidade de dita celebración e cales son os dereitos das nenas e nenos. 





A partir da mesma, abrimos un debate sobre porque eles crían que se debe celebrar este día, analizando a súa realidade e comparándoa coa de moitas e moitos nenas e nenos do resto do mundo... 
Aproveitamos para visionar diversos vídeos sobre o Día Universal da Infancia que nos axudadaron a reflexionar. 

Como tarefa final, gravamos un breve vídeo coa recopilación dos: 
DEREITOS DA INFANCIA


Este é o texto que recolle o noso vídeo:

O DÍA UNIVERSAL DO NENO, celébrase o 20 de novembro.


É un día dedicado a todas as nenas e nenos do mundo.

Celébranse os avances conseguidos neste terreo, pero sen esquecernos da situación que sofren as nenas e nenos máis desfavorecidos na actualidade.

Hoxe damos a coñecer os DEREITOS DA INFANCIA, para que as persoas se conciencien da importancia de traballar todos os días do ano para conseguir que todas as nenas e os nenos do mundo gocen dos mesmos dereitos.

1. DEREITO Á IGUALDADE: sen distinción de raza, relixión ou nacionalidade.

2. DEREITO A UNHA PROTECCIÓN ESPECIAL: que garanta o desenvolvemento físico, social e mental de todos os menores, tanto en condicións normais como en situacións adversas ou de crisis humanitarias.

3. DEREITO A UN NOME E A UNHA NACIONALIDADE: dende o día do seu nacemento.

4. DEREITO Á ALIMENTACIÓN, Á VIVENDA E A ASISTENCIA MÉDICA AXEITADA.

5. DEREITO Á EDUCACIÓN: se as nenas ou nenos sufriran algunha discapacidade, terán dereito a un tratamento especial.

6. DEREITO A UNHA EDUCACIÓN GRATUITA e a actividades recreativas.

7. DEREITO Á COMPRENSIÓN, AO AMOR E AO BO TRATO: tanto de pais, titores ou responsables, como tamén da sociedade.

8. DEREITO Á PROTECCIÓN ante o maltrato, a crueldade e a explotación .

9. DEREITO A XOGAR: divertirme e descansar nun ambiente san e feliz.

10. DEREITO A DECIR O QUE PENSO: e o que sinto.