xoves, 29 de novembro de 2018

ROMANCE DA BELA ROSA

O pasado 25 de NOVEMBRO celebrouse o 
DÍA INTERNACIONAL 
CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO



Por desgraza, unha lacra da nosa sociedade, contra a que debemos loitar, TODXS XUNTXS!

Sen dúbida, a educación é fundamental, posto que dende a infancia, debemos inculcar nxs pequenxs valores de respecto e igualdade de xénero, para precisamente, evitar que se produza ningún tipo de violencia neste sentido (nin en ningún).

Abrimos unha “choiva de ideas”, para traballar este tema, partindo dos coñecementos previos do alumnado. A partir de aí, abrimos un intenso debate no que analizamos todo tipo de comportamentos negativos que se dan na sociedade, non só entre xs adultxs, tamén entre x nenxs, e non só coa violencia física, senón tamén coa psicolóxica.

Comentamos as noticias, que por desgraza invaden a diario a prensa de todo o mundo, analizando que comportamentos negativos se poden dar para chegar a extremos de violencia de xénero, destacando que a inmensa maioría destas agresións sófrena as mulleres ás mans de homes.

Hai comportamentos machistas no día a día, aos que estamos tan acostumados, toda a sociedade, que os temos interiorizados, pero que temos que loitar para “desterralos”: empezando pola separación por sexos que se dan nos xogos dende que son pequenxs, a roupa e a maneira de vestir, as cores, as características persoais e emocionais...

Quixen determe nun apartado especial, que está presente todos os días na vida de todas as persoas, e que é a MÚSICA: todxs escoitamos música, sobre todo a de maior actualidade... repetimos retrousos pegadizos, sen moitas veces analizar o que din, e sen decatarnos, de que moitas veces, agochan comentarios machistas...


Non se trata de adoctrinar ao alumnado para que deixe de “consumir” música deste tipo... senón de educar e conseguir que xs nenxs desenvolvan un pensamento crítico.


A música non so se emprega como “ferramenta de ocio e goce”, senón que é unha arma moi poderosa de protesta social, e dende hai séculos, existen cantautoras e cantautores que loitan e denuncian temas desta índole nas súas letras.

Neste caso, aproveitei para falar de grandes músicas galegas da actualidade, que nas súas cancións “gritan ben alto” para darlle voz a inxustizas.

Escoitamos e traballamos coa canción que a cantautora María Xosé Silvar (máis coñecida como SES): “ROMANCE DA BELA ROSA”

Un romance no que tras a metáfora dun rosa, se esconde o tema da opresión, e nesta ocasión, nos quixemos analizala e entendela desde o punto de vista da opresión e a violencia machista.

Realizamos unha representación onde as mans do alumnado eran as que falaban para intentar darlle sentido á letra de tan fermoso romance.



martes, 20 de novembro de 2018

DÍA UNIVERSAL DA INFANCIA


DÍA UNIVERSAL DA INFANCIA é unha xornada dedicada ás nenas e aos nenos, que ten por finalidade a visibilización e promoción dos seus dereitos así como concienciar as persoas respecto destes.
A idea de festexar o “Día da infancia” xurdiu o 20 de novembro de 1959, cando a Asemblea Xeral da ONU tivo unha reunión na que decidiu reafirmar os dereitos dos nenos universalmente.
Desde aquela, cada país conta cun día para celebrar e organizar actividades para axudar a desenvolver o benestar dos cativos en todo o planeta.
En moitos países varía a data da celebración, pero é o 20 de novembro cando se celebra mundialmente.
Na clase de V.S.C. (valores sociais e cívicos), levamos tempo traballando sobre esta conmemoración. 




O alumnado buscou información na rede sobre a mesma, fixeron unha posta en común, para entre todos redactar un resumo para explicarlle ao resto de compañeirxs de onde xurdiu a necesidade de dita celebración e cales son os dereitos das nenas e nenos. 





A partir da mesma, abrimos un debate sobre porque eles crían que se debe celebrar este día, analizando a súa realidade e comparándoa coa de moitas e moitos nenas e nenos do resto do mundo... 
Aproveitamos para visionar diversos vídeos sobre o Día Universal da Infancia que nos axudadaron a reflexionar. 

Como tarefa final, gravamos un breve vídeo coa recopilación dos: 
DEREITOS DA INFANCIA


Este é o texto que recolle o noso vídeo:

O DÍA UNIVERSAL DO NENO, celébrase o 20 de novembro.


É un día dedicado a todas as nenas e nenos do mundo.

Celébranse os avances conseguidos neste terreo, pero sen esquecernos da situación que sofren as nenas e nenos máis desfavorecidos na actualidade.

Hoxe damos a coñecer os DEREITOS DA INFANCIA, para que as persoas se conciencien da importancia de traballar todos os días do ano para conseguir que todas as nenas e os nenos do mundo gocen dos mesmos dereitos.

1. DEREITO Á IGUALDADE: sen distinción de raza, relixión ou nacionalidade.

2. DEREITO A UNHA PROTECCIÓN ESPECIAL: que garanta o desenvolvemento físico, social e mental de todos os menores, tanto en condicións normais como en situacións adversas ou de crisis humanitarias.

3. DEREITO A UN NOME E A UNHA NACIONALIDADE: dende o día do seu nacemento.

4. DEREITO Á ALIMENTACIÓN, Á VIVENDA E A ASISTENCIA MÉDICA AXEITADA.

5. DEREITO Á EDUCACIÓN: se as nenas ou nenos sufriran algunha discapacidade, terán dereito a un tratamento especial.

6. DEREITO A UNHA EDUCACIÓN GRATUITA e a actividades recreativas.

7. DEREITO Á COMPRENSIÓN, AO AMOR E AO BO TRATO: tanto de pais, titores ou responsables, como tamén da sociedade.

8. DEREITO Á PROTECCIÓN ante o maltrato, a crueldade e a explotación .

9. DEREITO A XOGAR: divertirme e descansar nun ambiente san e feliz.

10. DEREITO A DECIR O QUE PENSO: e o que sinto. 




mércores, 14 de novembro de 2018

UNHA SERPE?


As experiencias de aprendizaxe que hai que aproveitalas no momento no que se dan...

Non importaba que en ciencias naturais o tema que estamos a tratar non tivese que ver coa animais, porque calquera momento é o idóneo para deixar de lado a “programación diaria” e facer un paréntese para centrarnos nun acontecemento coma o que se produciu hoxe...

Pola mañá, nada máis entrar na aula de ciencias... unha “sorpresa” agardaba por nós...

UN TERRARIO que contiña... unha “SERPE”!


Juanma, o pai de Lucía Touceda (alumna de 3º de E.P.), capturouna onte pola tarde na súa horta, e tivo a xentileza de traela ao cole (despois de prepararlle e acondicionar un hábitat cómodo e seguro).

Achegámonos por equipos para observala de preto. 


Despois, Juanma, retirou as bridas de seguridade e con moita precaución sacouna do terrario e explicounos como a atopara, onde, como preparou o terrario, como buscou información para facelo... todo remarcando a importancia da seguridade e coidado da serpe.




Durante a sesión tamén aproveitamos para analizar a que grupo de animais pertence; cunha resposta unánime : RÉPTILES.
Falamos das características destes animais:
- Ovíparos
- Vertebrados
- Corpo cuberto de escamas
- Respiración pulmonar
- Sangue fría
- ...

Pero... de que serpe se trata?... sen dúbida, presentóusenos unha situación idónea para realizar un traballo de “BÚSQUEDA DE INFORMACIÓN”, mediante o cal, xs alumnxs, valéndose do que observaron (tamaño, cor da pel, forma da cabeza, cola...), do que falamos, e das fotos que vou a subir... deberán recompilar datos sobre a mesma.


O próximo día, faremos unha posta en común dos datos recompilados, para barallar e analizar todas as posibilidades antes de ver de que “serpe” se trataba en realidade.

Sen dúbida, poder empregar os 5 SENTIDOS, mellora a calidade da aprendizaxe, e a motivación aumenta considerablemente.

Realizaremos máis actividades deste tipo!

mércores, 7 de novembro de 2018

A GRAMOLA GOMINOLA

O noso vídeo "UN OLLO DE VIDRO" petou tan forte este SAMAÍN, que chegou ata as mans dos creadores da canción... o grupo de:

A GRAMOLA GOMINOLA





Que non dubidaron en comentalo e compartilo na súa páxina!

Ao longo do curso seguiremos gozando da súa música!

Unha aperta forte para os compoñentes da Gramola Gominola. 

Moitas grazas!