xoves, 29 de novembro de 2018

ROMANCE DA BELA ROSA

O pasado 25 de NOVEMBRO celebrouse o 
DÍA INTERNACIONAL 
CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO



Por desgraza, unha lacra da nosa sociedade, contra a que debemos loitar, TODXS XUNTXS!

Sen dúbida, a educación é fundamental, posto que dende a infancia, debemos inculcar nxs pequenxs valores de respecto e igualdade de xénero, para precisamente, evitar que se produza ningún tipo de violencia neste sentido (nin en ningún).

Abrimos unha “choiva de ideas”, para traballar este tema, partindo dos coñecementos previos do alumnado. A partir de aí, abrimos un intenso debate no que analizamos todo tipo de comportamentos negativos que se dan na sociedade, non só entre xs adultxs, tamén entre x nenxs, e non só coa violencia física, senón tamén coa psicolóxica.

Comentamos as noticias, que por desgraza invaden a diario a prensa de todo o mundo, analizando que comportamentos negativos se poden dar para chegar a extremos de violencia de xénero, destacando que a inmensa maioría destas agresións sófrena as mulleres ás mans de homes.

Hai comportamentos machistas no día a día, aos que estamos tan acostumados, toda a sociedade, que os temos interiorizados, pero que temos que loitar para “desterralos”: empezando pola separación por sexos que se dan nos xogos dende que son pequenxs, a roupa e a maneira de vestir, as cores, as características persoais e emocionais...

Quixen determe nun apartado especial, que está presente todos os días na vida de todas as persoas, e que é a MÚSICA: todxs escoitamos música, sobre todo a de maior actualidade... repetimos retrousos pegadizos, sen moitas veces analizar o que din, e sen decatarnos, de que moitas veces, agochan comentarios machistas...


Non se trata de adoctrinar ao alumnado para que deixe de “consumir” música deste tipo... senón de educar e conseguir que xs nenxs desenvolvan un pensamento crítico.


A música non so se emprega como “ferramenta de ocio e goce”, senón que é unha arma moi poderosa de protesta social, e dende hai séculos, existen cantautoras e cantautores que loitan e denuncian temas desta índole nas súas letras.

Neste caso, aproveitei para falar de grandes músicas galegas da actualidade, que nas súas cancións “gritan ben alto” para darlle voz a inxustizas.

Escoitamos e traballamos coa canción que a cantautora María Xosé Silvar (máis coñecida como SES): “ROMANCE DA BELA ROSA”

Un romance no que tras a metáfora dun rosa, se esconde o tema da opresión, e nesta ocasión, nos quixemos analizala e entendela desde o punto de vista da opresión e a violencia machista.

Realizamos unha representación onde as mans do alumnado eran as que falaban para intentar darlle sentido á letra de tan fermoso romance.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.