venres, 8 de marzo de 2019

DÍA DA MULLER

Tal día como hoxe, un 8 de MARZO do ano 1857, miles de traballadoras do sector téxtil decidiron saír as rúas de Nova Iork baixo o lema “Pan e rosas”, para protestar polas míseras condicións laborais, reivindicando unha redución horaria e o fin do traballo infantil.

Foi unha das primeiras manifestacións para loitar polos dereitos das mulleres. Con posterioridade, sucedéronse máis protestas e mobilizacións, pero, esta primeira como referencia para fixar a data do DÍA INTERNACIONAL DA MULLER.

Hoxe en día, moitos anos despois, seguimos celebrando este día, e traballámolo dende a aula, baixo a necesidade de loitar pola IGUALDADE entre mulleres e homes, pero non so este día, posto que no quefacer diario da escola traballamos cos valores que garantan esta igualdade.

Para conmemorar este día quixemos empregar como banda sonora a fermosa canción dunha cantante destacada da nosa terra: GUADI GALEGO e as verbas recollidas no tema “MATRIARCAS”, feito como anel ao dedo para esta ocasión.

FELIZ DÍA DA MULLER




Comezan as historias
con homes encumados
rematan sempre todas
mulleres que os salvaron
da morte do intelecto
de insectos que os picaron
de turbias lendas vellas
que non queren nin lembrar.
E nos pouquiño a pouco
ímonos situando
construíndo barricadas
no país dos alalás,
nós en corpo e alma
nós comprando calma
nós cousa por cousa
sen podernos despistar.
Nós aleitadoras
Nós conquistadoras
brillantes activistas
da vida cotián.
E nós que resistimos
a séculos de forza

e nós as MATRIARCAS
do paÍs dun tal Breogán.



venres, 1 de marzo de 2019

UN ENTROIDO MARIÑO!

CHEGOU O GRAN DÍA!

O momento máis agardado por todo o alumnado e tamén polo profesorado e as familias...

A FESTA DE ENTROIDO!

Este ano, no CPI DE PONTECESURES, a temática do noso Entroido foi "O MAR"

Un ENTROIDO MARIÑEIRO no que non quixo faltar ninguén: calamares, esponxas, peixiños de cores, medusas, mariñeirxs, pingüíns, polbos, surfistas, hawaianas, piratas... ata narcotraficantes, baixo a atenta mirada da policía.

Aquí tedes un petisco da nosa festa... 

Ø OS CALAMARES da Gardería de Pontecesures, que abanearon os seus tentáculos e co seu baile conquistaron o corazón de todo o pavillón. 



Ø OS BOB´S ESPONXAS máis simpáticos e marchosos de todo o fondo mariño.



Ø UNS PEIXIÑOS DE CORES moi bailongos que moveron as súas escamas facendo bailar a todo o mundo.


Ø UNHAS MEDUSAS que conquistaron coas súas fermosas danzas deixando abraiadxs a todxs.


Ø UNS MARIÑEIRXS moi festeirxs e cun gran sentido do humor que encheron o “escenario” nun mar de risas ao son de bandas sonoras memorables.




Ø UNS PINGÜÍNS que moveron a súa coliña con moito ritmo.




Ø UNS POLBOS xunto cxs pulpeirxs que fixeron boa conta deles para facer unhas “talladas” deliciosas.



Ø UNS SURFISTAS que collían as olas que daba gusto mirar para elxs.



Ø UNHAS HAWAIANAS que co seu movemento de cadeiras hipnotizaron ao público, mentres intentaban escapar dunhas QUENLLAS moi perigosas.



Ø UNS PIRATAS que nos puxeron a pel de galiña co seu combate.



Ø UNS NARCOTRAFICANTES inspirados na recoñecida serie “Fariña”, que non foron quen de librarse da patrulla da POLICÍA.





* Durante estes días subirei ao blog os vídeos das actuacións.

VIVA O ENTROIDO!