venres, 30 de outubro de 2020

RETOMANDO A ACTIVIDADE DO BLOG!

 Xa van aló case 2 meses dende o inicio deste curso tan peculiar e diferente, marcado pola situación epidemiolóxica que estamos a vivir.

Dende o mes de marzo a COVID-19 deulle un xiro demasiado brusco ás nosas vidas, cambiando o noso día a día e deixándonos un panorama escolar case irrecoñecible, pero que grazas ao esforzo de toda a COMUNIDADE EDUCATIVA (mestrxs, alumnxs, familias e persoal non docente) estamos loitando diariamente por sacar adiante a educación.

Unha educación que se viu minguada e asolagada polas medidas dun protocolo que aló polo verán se intuían demasiado duras e desoladoras, especialmente para o alumnado.

Como podíamos volver aos centros educativos despois de tantos meses separados, tendo que seguir mantendo esa separación? Como íamos a facer posible a distancia social nas aulas, cando a socialización é un pilar básico da educación?

Canto de necesarias eran/son/serán as apertas, os aloumiños, os bicos, as mostras de afecto e cariño entre iguais, e entres mestrxs e alumnxs?

E a barreira das máscaras? A necesidade de protexernos do virus tendo que ocultar parte da nosa cara, tapando así a nosa expresión facial, dificultando a nosa comprensión á hora da falar, camuflando as nosas emocións...

Adentrámonos nun territorio que nada tiña que ver co que deixamos en marzo: a arquitectura podía ser a mesma, pero a esencia mudara por completo.

Con esta tristeza (xunto co pesar de ter que deixar o que fora o meu centro durante os últimos 10 anos) mergulleime neste novo curso 2020.21.

Un curso que me trasladou á miña cidade natal. Un curso que me levou a un centro (CEIP López Ferreiro) que casualmente linda coa facultade na que me formei para desempeñar a profesión que exerzo e que me apaixona.  Un curso no que volvo á especialidade pola que conseguín a miña praza como docente. Un curso no que retorno ao 4º curso de E.I.

Comezar este curso tan peculiar, con calquera nivel, foi unha auténtica batalla, pero ei de recoñecer que cos máis pequechxs foi unha verdadeira odisea.

Realmente, as medidas protocolarias que esixe a pandemia, afectan demasiado ao quefacer cotián nas aulas en xeral e en infantil en particular.

As esixencias da hixiene de mans e a desinfección de materiais e espazos, consume demasiado tempo que vai en declive da educación, no sentido de que dispoñemos de menos tempo efectivo para realizar multitude de actividades.

Baixo un panorama tan desolador, debo recoñecer que no mes de setembro, decidín non continuar con este blog, deixalo aparcado durante este curso, pois a realidade escolar calou demasiado fondo en min...

Porén, e a pesar de que a situación epidemiolóxica se atopa nun momento moi delicado, dous meses despois, boto en falta o feedback  que se producía coas familias do meu alumnado a través das publicacións, pois o blog convertíase nunha ferramenta a través da cal eu lles achegaba o traballo diario da aula.

Ao alumnado deste nivel cústalle facer chegar á información con claridade debido ás limitacións propias da idade. Se a iso lle sumamos que as escolas tiveron que converterse en “cámaras acorazadas” ás que tan so poden ter aceso alumnxs e mestrxs, faise máis preciso ca nunca abrir as portas da aula (dun xeito figurado e virtual) para facer partícipes ás familias do quefacer cotián.

 

Así que... dou por inaugurado de novo o meu blog!

 

ENCANTADA e ILUSIONADA

por volver a publicar!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.