mércores, 6 de febreiro de 2019

CIENTÍFICOS TOLOS


Hai conceptos científicos que son demasiado “abstractos” e complicados para xs alumnxs. Cando en CC. NATURAIS comezamos a traballar este tema, sobre  A MATERIA, quixemos abordalo dende un enfoque totalmente práctico, a través de EXPERIENCIAS  e de EXPERIMENTOS, que nos permitían tomar contacto directo e “tanxible” a través dos 5 sentidos.

Abordamos conceptos como:

A MASA: empregamos unha báscula electrónica para pesar e comparar a masa de diversos obxectos.


O VOLUME: abordamos este concepto partindo da ´fábula do Rei Hierón, na que se relata como xurdiu o PRINCIPIO DE ARQÍMERDES.

Traballamos co concepto de capacidade: comparamos obxectos de diferente forma pero coa mesma capacidade.





Somerxemos obxectos en auga para observar como aumentaba o nivel e así calcular o volume en función da auga desprazada.




Despois de coñecer a masa e o volume, pasamos a falar da DENSIDADE (concepto que é complicado pola abstracción en si mesmo):
Calculamos a densidade dos obxectos cos que fixéramos as experiencias sobre a masa e o volume, empregando o datos rexistrados e realizando a división pertinente (a densidade calcúlase dividindo a masa polo volume).
Comparamos diversos obxectos segundo a súa densidade.

Pero ao falar de densidade, case obrigadamente, abordamos o concepto de FLOTACIÓN:
A auga é a principal substancia na que soen flotar os obxectos, por iso partimos da súa densidade para a partir dela, poder realizar as nosas hipóteses antes de comezar o experimento de flotación:
* DENSIDADE DA AUGA: 1g/ml
(pesamos e medimos diferentes cantidades de auga, para que viran a relación entre peso e volume, de xeito que a densidade sempre era a mesma
- A materia con maior densidade que auga AFUNDE.
- A materia con menor densidad que a auga FLOTA.

Fixemos as nosas “apostas”... e comprobamos, con sorpresas incluídas.


* Fixemos unha paradiña para falar sobre a flotación noutros líquidos diferentes ou incluso en gases.

Ao falar de flotación era “parada obrigada” cuestionarnos: por que flotan os barcos se están feitos de materiais máis pesados que a auga?

- Se facemos unha boliña de aluminio (presada) afunde, pero se á mesma masa de aluminio lle damos a forma de un bote, variando o seu volume e polo tanto a súa densidade, conseguimos que flote.


- Comprobamos que non so importa o PESO, senón  DENSIDADE!



Na natureza, a materia aparece en 3 ESTADOS:
SÓLIDO, LÍQUIDO e GAS.


Manipulamos diversos obxectos para comprobar as PROPIEDADES DOS SÓLIDOS: fraxilidade, flexibilidade, elasticidade, resistencia...




Para comprobar algunha das PROPIEDADES DOS LÍQUIDOS: viscosidade, volatilidade...
- Realizamos unha carreira entre aceite, xel, crema e lavalouza... de novo fixeron apostas sobre a “pole position”.


Para falar da PROPIEDADES DOS GASES traballamos con concepto de expansión e compresión, tendo en conta a peculiaridade dos materiais gasosos, xa que non teñen forma nin volume fixo, xa que tenden a ocupar todo o espazo que dispoñen adaptándose ao recipiente que os contén.

Despois desta sesión de “científicos tolos” agora cada equipo, deseñará e preparará un experimento no que abordarán algún dos conceptos traballados hoxe, e levarano a cabo para o resto de compañeiros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.