mércores, 30 de xaneiro de 2019

DÍA DA PAZ


Hoxe,  30 DE XANEIRO, no CPI de Pontecesures conmemoramos o:

DÍA ESCOLAR
DA NON VIOLENCIA E DA PAZ

  
Apostamos por unha educación onde valores como a tolerancia, a solidariedade, a concordia, o respecto aos Dereitos Humanos, a non-violencia e a paz estean presentes, non so o 30 de xaneiro, todos os días do ano.

En cada sesión co alumnado intentamos inculcar unha educación inspirada nunha cultura de non violencia e paz, para así conseguir que o alumnado adquirira coñecementos, actitudes e competencias que reforcen o seu desenvolvemento como cidadáns globais críticos e comprometidos cos seus dereitos e os doutras persoas.

Este curso apostamos por traballar a Paz enlazándoa co DEPORTE.

Dende hai semanas, cada aula, xunto cos especialistas de E.F., comezaron a traballar este tema, buscando NOTICIAS relacionadas con conductas DEPORTIVAS e ANTIDEPORTIVAS.

Estas noticias foron analizadas dende unha ollada crítica, co fin de poder sacar de elas todo o “xugo” e así ver como o ámbito deportivo debe camiñar estreitamente da man da paz.



Na aula de 5º, quixemos afondar máis profundamente no tema, e tras realizar unha asemblea inicial na que todos aportaron as súas vivencias propias no mundo do deporte, pasamos a realizar un remuiño de ideas do que sacamos un conxunto de RESPONSABILIDADES que recollían as actitudes que deberían primar por riba de todo, tanto como xogadorxs ou como espectadorxs.

Cando nos puxemos a reflexionar, nas diferentes sesións dedicadas a este tema, decatámonos da cantidade de “barbaridades” que se viven tanto dentro do campo como dende as gradas... conductas que queremos erradicar.






De todo este traballo de reflexión e crítica, “naceu” este decálogo:







Dende E.F. fomos un pasiño máis alá, e mergullámonos dentro dun terreo que nos pareceu moi enriquecedor para o alumnado. Traballamos o DEPORTE dende a DISCAPACIDADE.

Empregamos o deporte como fío condutor para abordar un tema que precisa ser traballado dende a infancia non só para sensibilizar ao alumnado, senón para facelo visible, normalizalo e así conseguir non só a integración, senón a INCLUSIÓN.

Comezamos a traballar a DISCAPACIDADE analizando o significado do concepto en si, que engloba a palabra, que tipos de discapacidade coñecemos...

Tamén realizamos o visionado  de diversos vídeos sobre o tema, algúns moi impactantes, cos que abrimos unha asemblea na que analizamos como pode ser o día a día dunha persoa discapacitada, e con que barreiras se atopa. Non só arquitectónicas, senón tamén sociais, posto que as persoas, cos prexuízos e con actitudes de discriminación tamén dificultamos a inclusión.

Quixemos que vivisen nas súas carnes o que pode ser ter algún tipo de discapacidade, neste caso, realizamos diversas actividades e xogos nos que incapacitábamos o sentido da vista e outras con algunha incapacidade a nivel motor.



O broche de ouro puxémolo hoxe, DÍA DA PAZ, onde realizamos unha XORNADA DEPORTIVA na que participou todo o centro e na que o alumnado realizou varias exhibicións dalgunha das actividades de SENSIBILIZACIÓN COA DISCAPACIDADE levadas a cabo dende E.F.

En EDUCACIÓN INFANTIL realizaron actividades “a cegas”:
* Os de 3 anos intentaron pasarse o balón por parellas, mentres un membro da parella estaba cun antifaz.



* Os de catro realizaron un pequeno circuito de orientación a cegas con axuda dun compañiro “lazarillo”.



* Os de 5 anos fixeron un xogo de orientación no que debían completar un camiño de aros a cegas, mentres un compañeiro o guiaba a través do tacto con código de toques para moverse nas diferentes direccións.



En EDUCACIÓN PRIMARIA:
* O alumnado de 1º a 4º, practicaron BALONMÁN cunha soa man.




* O alumnado de 5º e 6º, practicaron GOALBALL (deporte a cegas).



En EDUACIÓN SECUANDARIA:
* Realizaron un minitorneo de GoalBall.


Seguiremos traballando día a día, para que os 365 días do ano, consigamos facer realidade a palabra PAZ.

      “Non hai camiño para a paz: a paz é o camiño".

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.