luns, 14 de novembro de 2022

ANIVERSARIOS DO MES DE OUTUBRO 2022

Como é costume, o derradeiro venres de cada mes festexamos os ANIVERSARIOS, neste caso d@s nen@s que sumaron un ano máis á súa conta persoal no mes de OUTUBRO.


KarimVera e Mauro, xa presumen de 4 ANOS!


PARABÉNS!


SAMAÍN 2022

O SAMAÍN é una data esperada polos cativ@s, e non tan cativ@s, e cando algo é capaz de xerar tanta expectación, hai que aproveitalo e espremelo ao máximo para sacarlle todo o rendemento posible a nivel educativo.



O primeiro foi coñecer a orixe desta celebración ancestral para despois poñernos mans á obra.

Na nosa aula levamos a cabo varias propostas que xiraban en torno a esta celebración.

Cal é a primeira imaxe que vos ven á cabeza ao pensar no Samaín? Pois, as CABAZAS!

E que mellor que traer á aula unha cabaza de verdade para poder aprender máis sobre ela.


Debuxamos o que observamos:


Coloreamos en pequeno grupo unhas cabazas mois especiais basadas no famoso artista brasileiro Romero Britto





As familias involucráronse na decoración e creación de cabazas para a EXPOSICIÓN DE SAMAÍN na que participaron alumn@s de todo o centro e que se situou no hall do edificio da biblioteca.

Estas son as cabazas da nosa aula:






A exposición de cabazas de todo o centro: 

A luz negra, a música de fondo e a decoración axudaban a darlle un aspecto terrorífico a unha exposición incrible.






A aprendizaxe a través da exploración sensorial, onde deixamos vía libre á creatividade e á imaxinación é inmensamente enriquecedora para o alumnado.

A través de materiais e obxectos intimamente relacionados coa temática do Samaín xurde a aprendizaxe de xeito espontáneo e natural, onde o traballo en pequeno grupo se converte en protagonista.

A proposta raíña foron as bandexas de experimentación:






A nosa lectura favorita para esta data foi "CORRE, CORRE CABACIÑA":


Coa colaboración d@s teachers de inglés, realizamos o “TRICK or TREAT” (truco ou trato), ligado coa celebración de HALLOWEEN que ten a súa orixe no noso Samaín.





Ao longo da semana, cada aula petou nas portas do resto de clases do corredor de infantil, conseguindo unhas recompensas super chulas.


Tamén poidemos degustar MERENDAS TERRORÍFICAS, que estaban deliciosas:



Como broche final, a BRUXA CATUXA, veu de visita polo cole, e fixo un conxuro en vivo e en directo para espantar os males e que se cumprisen todos os nosos desexos.




QUE VIVA O SAMAÍN!






martes, 18 de outubro de 2022

GALICREQUES: "Cu-cú, Tas-tás"

 Hoxe puidemos desfrutar dunha SAÍDA moi especial. Achegámonos a Compostela para desfrutar dunha nova edición de GALICREQUES.

Destacar, que a emoción xa desbordaba dende o primeiro instante montando no autobús, porque un dos momentos máis agardados de toda saída é a emoción do desprazamento en bus.



Chegamos ao edificio da SGAE, onde nos estaba agardando o espectáculo:

“CU-CÚ, TAS-TÁS”



O fío condutor desta obra, está no xogo infantil que leva por nome, de feito, para coñecer ao personaxe principal, tivemos que tapar os ollos e chamar por el.


Cucú era un boneco de cor branca e vermella que nos foi ensinando conceptos contrarios mentres nos presentaba ao resto de personaxes da súa familia.




Unha historia entretida e educativa coa que desfrutamos un montón.

 



                                             Estivo xenial!

                                                                   Pasámolo en grande!




domingo, 9 de outubro de 2022

PEGATINAS

Como molan as PEGATINAS!

No inicio do mes de setembro, mentres lle daba forma á nosa aula e ordenaba todo o material, fixen un gran descubrimento, unha caixa enteira chea de pegatinas de todo tipo, que debían levar aí anos e anos e anos... así que, había que buscarlle saída!

A grafomotricidade é fundamental na etapa de eduación infantil, a través dela, traballamos multitude de aspectos que nos axudarán a adquirir habilidades futuras encamiñadas cara, por exemplo, a lectoescritura, o debuxo ou diversas habilidades artísticas ou da vida cotiá. Vamos, que a grafomotricidade é unha actividade super completa, e si a iso, lle sumamos pegatinas, imaxinádevos...

En papel continuo debuxamos trazos diversos: ondas, zigzagquebrados.

Debuxamos no chan, e observamos a diferenza entre cada tipo de trazo. Percorremos as liñas cos dedos e despois, en pequeno grupo, e xa sobre as mesas, comezamos a pegar!

 




Foi todo un éxito!



NAVEGANDO POLO MAR DO COÑECEMENTO

Menudo cambio supón dicirlle adeus ás vacacións de verán e volver ao cole, dun día para outro.

Deixamos atrás as tardes de praia, os chapuzóns na piscina, os castelos de area, a recollida de cunchas pola beira do mar...

Pero, e se traemos un anaquiño de verán á aula?

Para recibir ao meu alumnado este curso, pareceume boa idea que a aula estivese engalanada con cousiñas sobre O MAR!

Para xs peques a aula en si xa ía ser unha sorpresa, pois non é a mesma que o curso pasado, así que dediqueille todas as miñas ganas e o meu esforzo para conseguir un entorno fermoso, acolledor e motivador, xa que se trata do espazo físico no que imos a pasar día tras día este curso, será o lugar no que xurdan todas as novas experiencias, onde imos a convivir e aprender, a investigar e a crear, a divertirnos e a fantasear... será o noso lugar!

A porta agardaba pechada, e para motivar a exploración do espazo e o observación detallada do mesmo, espallei por toda a aula uns barquiños de papel personalizados coa foto de cada peque, para que o atopasen e o collesen. 

E no centro do "corcho", un cofre que agochaba tesouros cos que aprender e xogar.




Ese barquiño de papel, ademais de ser un agasallo, serviría de fío condutor para enlazar coa temática do mar que nos guiará nas nosas aprendizaxes estes primeiro días de curso.

Os diferentes recunchos da aula, tamén estaban engalanados con esta temática:

 




CREACIÓNS EFÍMERAS con cousiñas do mar.



Creación de castelos con AREA MÁXICA.



TRANSFERIR AREA a diversos recipientes empregando diferentes culleres.



Conteo e asociación coa cantidade con CUNCHAS.









 NAVEGAREMOS XUNTXS 
                                                     POLO MAR DO COÑECEMENTO.






ARRANCAMOS... POR FIN!

 Arrancar nun novo cole, nun novo curso, nun novo grupo…

Arrancar unha nova experiencia que asumín con gran emoción, con moitas ganas e cunha ilusión enorme.

O curso comezou fai xa un mes, pero, o meu blog estivo de folga de brazos caídos… por diversos problemas “técnicos”, non houbo maneira de poñelo a funcionar.

Non obstante, durante este tempo, fun gardando as cousiñas que quería compartir con vós.


Así que, agora si... ARRANCAMOS O BLOG DO CURSO 22.23!

 



·         * Agardo que desfrutedes tanto mentres o vedes como eu mentres o preparo.