xoves, 22 de setembro de 2016

+ FOLLAS... PARA INICIAR O OUTONO!


Despois de recolectar onte as follas das árbores do noso patio, hoxe BRUNO trouxo follas de diversas árbores que recolleu coa súa nai. 



Indicounos onde as colleu e ensinoulles @s compañier@s as diferentes follas; 3 variedades distintas, que comparamos e analizamos. Tratábase de follas de plátano, de figueira, e outra variedade que non coñecemos, pero que intentaremos averiguar a árbore da que procede nos vindeiros días (buscando en libros, internet, preguntándolle o mestre de biloxia da E.S.O. ...)

A forma e o tamaño destas follas é moi interesante. Despois de observalas, tocáronas, pois a textura sempre é unha cualidade moi interesante. Por exemplo, no caso da figueira, o envés da folla parece unha lixa, polo áspera que é. A folla dunha soa punta era moi dura e suave.


Esta foi unha forma moi axeitada para inaugurar o OUTONO, que comezou hoxe. Polo que a partir de agora, deberemos estar cos ollos ben abertos para observar como esta estación produce cambios na natureza, no entorno, e concretamente nas árbores do noso patio, tema do noso proxecto.

* Estas follas tamén as colocamos en follas de xornal para secalas e prensalas.

Ademais da observación directa, tamén quixemos buscar información na rede para así poder observar como son as árbores correspondentes ás follas que trouxo Bruno. Así que el mesmo encargouse de escribir en google o nome das árbores. 

* O doodle de hoxe (imaxe do logo de google adicada a unha temática) fai unha conmemoración do primeiro día do outono, no que aparece unha árbore perdendo as súas follas de cor marrón. 

Moitas grazas a Bruno e a súa familia, pois esta é a esencia do tipo de proxectos que queremos realizar, no que os propios nen@s son os que fan aportacións á aula a partir das cales xira a aprendizaxe, e deste xeito a motivación aumenta positivamente. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.