luns, 9 de outubro de 2017

E.F.

O xogo e a diversión son dúas constantes que intento que sexan o fío condutor das sesións de EDUCACIÓN FÍSICA

As sesións de E.F. constan das seguintes partes:
* Chegada ao ximnasio, entrada no vestiario e muda de tenis.
* Esperar sentados na "zona da palabra máxica" para escoitar a explicación do desenvolvemento da sesión. 
(Durante todo o curso, a palabra máxica será EUROPA, posto que é o tema do proxecto anual do centro. Cada vez que eu diga esa palabra, @s alumn@s deberán deixar o que estean facendo para dirixirse o máis rápido posible á zona da palabra máxica. Con isto traballarei a atención, a velocidade de reacción e en momentos de caos, desconcerto, mal desenvolvemento dunha actividade  ou mesmo demasiado ruído ou axitación, coa palabra máxica, conseguirei que reaccionen, volvan á calma presten atención).
* Parte inicial: Quecemento.
* Parte principal: 
     - Xogo ou actividade sobre os conceptos traballados.
     - Probas por equipos.
* Parte final: Relaxación.
* Entrada no vestiario: asearse coas toalliñas, mudar a camiseta, mudar os tenis, facer fila para saír do ximnasio. 

No que se refire ao QUECEMENTO, xa probamos diversas maneiras de realizalo: 

* Circuíto exterior aproveitando os "obstáculos" que nos ofrece o mobiliario ou a natureza do recinto escolar: zigzag entre os elementos do patio de infantil, baixada polo tobogán, sortear os pneumáticos do areeiro, subir e baixar correndo "a montaña"...

* Correr polo ximnasio ao ritmo da música, e deterse ou realizar determinado movemento cando esta deixa de soar.

* O xogo de CARA-CRUZ: no que é fundamental a atención e a rapidez. Todos colocados nunha liña do chan, deben mirar cara @ mestr@ cando escoitan cara, e cando escoitan cruz, dar un salto para xirar e darlle as costas.

* E outro que probamos e que lles encantou foi unha variante do PILLA-PILLA, no que en lugar de tocar coa man para pillar, tiñan que facelo cun "corchopan"; os pillados permanecían estáticos coas pernas abertas, esperando que un compañeir@ lles pasase por debaixo para salvalos e poder seguir xogando. 



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.