venres, 19 de xuño de 2020

QUE CALOR!


Aló polo mes de marzo, en pleno 2º trimestre, as nosas vidas deron un xiro de 360º, e iso supuxo unha adaptación repentina.
Foron tempos duros e difíciles para todos...
Ø Separados en corpo pero unidos en alma.
Ø Distanciados en espazo pero xuntos en corazón.
Ø Confinados pero tentando que a escola se colase nos fogares.

Grazas a un esforzo colectivo de alumnado, profesorado e familias conseguimos remar para intentar “salvar” estre curso; e conseguímolo XUNTXS!

Meses de esforzo, de traballo, de adaptarse a contrareloxo á ensinanza virtual, de comunicación a través de correos, de vernos a través dunha pantalla...

O tempo foi pasando, de fase en fase, camiño a unha nova normalidade; e sen decatarnos, chegamos ao día de hoxe...

19 de XUÑO do 2020
DERRADIRO DÍA DO CURSO

Ø Hoxe poñémoslle punto e final a un curso ÚNICO.
Ø Hoxe finalizamos unha etapa INESQUECIBLE nas nosas vidas.
Ø Hoxe rematamos un curso marcado por unha PANDEMIA global.
Ø Hoxe agradecémosvos a todxs: ALUMNXS e FAMILIAS o voso esforzo, comprensión, implicación e traballo duro.
Ø Hoxe comezan as VACACIÓNS!
Ø Hoxe desexámonos un BO VERÁN!
Ø Hoxe “dicímonos” ATA A VOLTA!

Fóra pesares, adeus tristuras, deica pronto tarefas, ata máis ver madrugóns, VÉMONOS Á VOLTA COLE!

BENVIDOS: verán, sol, calor, praia, piscina, río, días longos e noites curtas, tempo libre, xogos na auga, baños ata engurrarse, xeados, pícnics, parasoles, crema solar, castelos de area, saltar as olas, peles bronceadas, paseos pola beiramar, sestas nas hamacas, picaduras de mosquitos, paseos en bici, merendas cos amigxs, xuntanzas familiares, noites en vela, espertadores desconectados, lecturas fantásticas, viaxes improvisados...

BENVIDAS VACACIÓNS!

Non podemos vernos, non desfrutaremos dunha despedida en persoa, mais non queremos que isto empane este momento tan ansiado por todxs (este curso máis ca nunca).

Por iso, dende o CPI PONTECESURES queremos darlle a nosa peculiar benvida ás VACACIÓNS DE VERÁN!

Aquí tendes o VIDEOCLIP:

QUE CALÓR!

TAREFAS VERÁN!



xoves, 18 de xuño de 2020

BAILEMOS!


O BAILE é unha LINGUAXE UNIVERSAL que xoga un papel fundamental na raza humana, debido á súa capacidade de vincular ás persoas emocionalmente con independencia das habilidades lingüísticas.

Nacemos con sentido rítmico. Movernos ao ritmo da música é algo innato en nós!

TODO O UNIVERSO TEN RITMO,
TODO BAILA!
(Maya Angelou)

O baile aporta moitos beneficios, non só os derivados de realizar actividade física, senón tamén beneficios a nivel psicolóxico e emocional:

* Bailar axúdanos a conectar cun mesmo (se bailamos sos) e cos demais (se bailamos en parella ou en grupo).
            “Cando bailas podes desfrutar do luxo de ser ti mesmx.” (Paulo Coelho)

* O baile é unha forma de expresión a través da cal deixamos fluír os nosos sentimentos e emocións.
“A danza é a linguaxe oculta da alma.” (Martha Graham)

* A través do baile foméntase a nosa creatividade.
“Ser creativx significa estar namorado da vida. Podes ser creativx só se amas a vida o suficiente como para querer realzar a súa beleza, querer levarlle un pouco máis de música, un pouquiño máis de poesía, un pouco máis de baile.”  (Osho)
* Bailando mellora o noso estado de ánimo, pois axúdanos a liberarnos dos nosos problemas e a deixar a un lado as preocupacións.
“O meu corazón, énchese ata rebordar, a miúdo foi consolado e refrescado pola música cando enfermo e estou canso.” (Martín Lutero)
“A música conmóvenos emocionalmente, onde as palabras por si soas non poden.” (Johnny Deep)

* O baile pode axudarnos a mellorar a nosa autoestima e a conseguir máis seguridade en nós mesmxs.
“Cando bailo non podo xulgar, non podo odiar, non podo separarme da vida. Só podo ser feliz e sentirme pletórico.” (Hans Bos)

* Un dato contrastado tamén é que o baile aumenta a intelixencia e prevén o envellecemento cerebral.
“Deberíamos considerar perdidos os días nos que non bailásemos alo menos unha vez.” (Friedrich Nietzsche)


Aquí vos deixo un vídeo cos BAILES do alumnado do CPI PONTECESURES, que deixaron fluír o seu corpo para expresar a través da música.




MOITAS GRAZAS a todxs os que vos animastes a participar nesta iniciativa.

E xa sabedes...
NON VOS ESQUEZADES DE
BAILAR!

martes, 16 de xuño de 2020

ACTIVIDADES FÍSICAS 22


Bruscamente tivemos que “enclaustrarnos” nos nosos fogares para combater a un inimigo invisible que chegou para transformar por completo as nosas vidas.

Pechamos as portas do cole cun “DEICA PRONTO” nos beizos e cun gran pesar no corazón. Por aquel entón, aló polo mes de marzo (que lonxe queda), ninguén podíamos sospeitar que en realidade a despedida sería un ADEUS...

Confinados, tentamos trasladar a escola a cada casa, para poder continuar coa aprendizaxe a distancia e virtual. Todos puxemos o noso gran de area, fixemos grandes esforzos: alumnxs, mestrxs e familia xuntamos forzas para remar a contracorrente e saír a flote.
E XUNTXS, CONSEGUÍMOLO!

E case sen decatarnos, plantámonos na DERRADEIRA SEMANA do curso. Un curso diferente, peculiar, especial, inesquecible... ÚNICO! Aínda que pensándoo ben... todos os cursos o son, mais, salvando as diferenzas, unha pandemia global, dálle a este un matiz que o fai realmente único.

O curso 2019.20 chega ao seu fin, e eu só teño palabras de AGRADECEMENTO:

* Grazas por deixar que me colase nos vosos fogares a través dos VÍDEOS DE ACTIVIDADES FÍSICAS e por converter as vosas casas en “ximnasios” improvisados onde toda a familia vos animáchedes a practicar actividade física.

* Grazas por participar en todas en cada unha as iniciativas que propuxen para facer un pouco máis levadeira o estado de alarma. Sen vós nada do que fixen sería posible.

* Grazas por cada palabra de ánimo, por cada correo, por cada videochamada... en definitiva polo contacto, que facía que me puidese sentir preto do alumnado e de vós, as familias.

* Simplemente... GRAZAS!

Aquí vos deixo a entrega número 22 de ACTIVIDADES FÍSICAS #EuFicoNaCasa.

A derradeira entrega. O último vídeo. Con el, pecho unha etapa na que me convertín en MESTRA VIRTUAL, na que aprendín moito e da que desfrutei grazas a vós. Aínda así, preciso volver ao cole, ao ximnasio, par poder vervos, poder interaccionar con vós, falar cara a cara, darnos apertas e bicos reais e non virtuais, xogar e aprender xuntos... A ESCOLA É INSUSTITUIBLE!

Pero agora toca parar e coller forzas. Toca desfrutar do merecido descanso, gañado a pulso polo esforzo realizado durante estes meses. Tocas gozar das VACACIÓNS DE VERÁN!

Entramos na NOVA NORMALIDADE, pero lembrade que o virus segue aí e que non retrocedamos está na nosa man.

Que o noso lema “ACTIVIDADE FÍSICA e a FICAR NA CASA!”, (a pesar de xa podemos saír) siga presente como símbolo de RESPONSABILIDADE.



ACTIVIDADES
FÍSICAS  22






“As aprendizaxes máis importantes da vida fanse XOGANDO!”
F. Tonucci

luns, 15 de xuño de 2020

XUNTOS


Para gran parte da nosa sociedade a ESCOLA reducíase a un lugar onde o alumnado se limitaba a asimilar contidos... Mais, despois destes meses nos que tivemos que trasladar a escola aos fogares, penso que quedou claramente demostrado que é moito máis.

A ESCOLA é, e debe ser, unha sociedade en miniatura, onde as relacións sociais cobran gran relevancia, sendo as relacións entre iguais fundamentais na aprendizaxe do alumnado. Xusto o que non se puido levar a cabo por mor do confinamento a causa da COVID-19.

As clases seguiron virtualmente. Xs nenxs traballaron a reo e seguiron aprendendo dende as súas casas, mais, faltaba unha das cousas máis importantes... XS COMPAÑEIRXS!

A educación en valores, as normas sociais, o control das emocións, a expresión dos sentimentos... todo iso desapareceu da noite para a mañá.

Non só faltaron as relacións cxs compañeirxs de clase, tamén as interaccións co alumnado doutros niveis cos que compartían multitude e actividades. Os momentos de lecer e xogo libre no patio onde a creatividade e a imaxinación se liberaban chegando ao seu máximo expoñente.

Tamén faltamos nós, XS MESTRXS! Que intentamos estar presentes a través de correos, videochamadas, propostas de actividades conxuntas na distancia...Pero non puidemos estar en carne e oso.



FALTABA A ESCOLA!
O lugar físico e o psicolóxico. O mobiliario e as persoas que a conforman. As vivencias diarias. Os problemas que xorden da convivencia e os mecanismos para arranxalos. Os vínculos de amizade. Os xogos. As conversas. As risas. As bágoas. As emocións a flor de pel. As aprendizaxes conxuntas e as individuais que se producen grazas á interacción cos demais.

Claro que as aprendizaxes con importantes. Pero, aprender non é memorizar conceptos, APRENDER VAI MOITO MÁIS ALÁ!

Porque o máis importante da escola é que todas as persoas que formamos parte dela podemos...

APRENDER DÍA A DÍA
XUNTOS

Por iso, a continuación, deixo unha MONTAXE con imaxes das deste curso. Lembranzas que permanecerán sempre nos nosos corazóns.



SEMPRE XUNTOS!

martes, 9 de xuño de 2020

VIDEOCHAMADAS


Achégase o remate do curso, e como non podemos volver ao cole para despedirnos, gustaríame poder facelo de forma virtual. Poder vernos e sentirnos preto a través da pantalla, compartir experiencias, intercambiar palabras... A derradeira conversa para reflexionar sobre este curso tan especial e inesquecible para todxs.

HORARIO VIDEOCHAMADAS GRUPAIS E.F.

E.P.  MÉRCORES 10 de xuño – 10:00 (coa titora)
E.P.  MÉRCORES 10 de xuño – 11:30

E.P.  XOVES 11 de xuño – 10:00
E.P.  XOVES 11 de xuño – 11:30

* Empregaremos a mesma dirección das videochamadas anteriores:



* Se entrades dende un ORDENADOR:
- Facede click sobre a dirección para entrar.

* Se entrades dende un DISPOSITIVO MÓBIL:
- Deberedes descargar a aplicación (é gratuita).

- Lembrádevos de activar/permitir o emprego da CÁMARA e do MICRO.


luns, 8 de xuño de 2020

VIDEOCLIP DE DESPEDIDA


O curso chega ao seu fin. Un curso atípico, diferente e inesquecible.

Encantaríanos poder xuntarnos e organizar unha gran festa de despedida, mais, sabemos que non é posible, por iso queremos facelo dun xeito diferente, divertido e especial...

A través dun VIDOCLIP MUSICAL,
que se titulará:  QUE CALOR!


ANIMÁDESVOS?

O remate do curso trae consigo a chegada das tan desexadas VACACIÓNS DE VERÁN, e estas serán a inspiración do noso vídeo.

Trátase de que vos GRAVEDES facendo algunha actividade relacionada co verán, co sol, ca calor...

POR EXEMPLO:
§  * Nadando na piscina.
§  * Facendo castelos na praia.
§  * Tomando o sol.
§  * Comendo un xeado.
§  * Facendo unha guerra de auga.
§  * ...

O que queirades! Sentídevos libres para gravar un vídeo divertido no que desfrutedes do bo tempo e da calor que trae consigo o verán.


IMPORTANTE!
* O vídeo debe durar como mínimo 15 SEGUNDOS e como máximo 30 (aproximadamente).
* Gravade en HORIZONTAL.
* DATA LÍMITE: 16 XUÑO
* Enviádemo á dirección de correo: berenaftprofe@gmail.com


Encantaríanos que vos animásedes a participar TODXS.

MOITAS GRAZAS de antemán!



QUE CALOR!
 (Aerolíneas Federales)




ACTIVIDADES FÍSICAS 21


Aquí vos deixo a entrega número 21 de ACTIVIDADES FÍSICAS #EuFicoNaCasa.

Entramos na FASE 3 da desescalada, pouco a pouco imos recuperando parte dos “privilexios” aos que tiveramos que renunciar por mor da COVID-19. Paseniño pero con boa letra imos avanzando cara unha nova normalidade, mais, debemos seguir sendo prudentes e responsables, pois está nas nosas mans, nas mans de todas as persoas, axudar a conter este virus. Conto con vós!

Achegámonos cara o remate do curso, cada vez queda menos, e no ambiente déixanse sentir as boas vibras das vacacións. Aproveitade este bo tempo para facer actividade física ao aire libre, pero sempre con precaución:

·        Mantendo a distancia social.
·        Tendo coidado para non sufrir ningún accidente nin lesión.
·        Saíndo a horas prudentes nas que non quente moito o sol.

Xa sabedes que a pesar de estar de estar na fase 3, nos imos a seguir co noso lema ata o remate do curso.

“ACTIVIDADE FÍSICA e a FICAR NA CASA!”


"Non importa o amodo que vaias
mentres sigas en constante MOVEMENTO”.
                                                                                                                               Confucio


"Aprendín que con cada DERROTA chega algo construtivo”.
                                                                                                                     Tom Landry




ACTIVIDADES
FÍSICAS  21




XUNTOS ESTAMOS A PARAR AO VIRUS,

PERO, O VIRUS, NON NOS PARA A NÓS!


xoves, 4 de xuño de 2020

POR UN MUNDO DE CORES!

“POR UN MUNDO DE CORES!”

Era un mundo enorme, tan inmenso que a gran maioría xamais o percorrería na súa totalidade.
Os habitantes dese mundo, eran exactamente iso, habitantes do mundo. Habitaban ao longo da súa extensión de terra ocupando diferentes e fermosos lugares. Cada cal coas súas peculiaridades que o facían único e diferente, pero, ao fin e ao cabo, todas as paraxes eran pezas dun mesmo crebacabezas...
Cada vez que un novo ser “chegaba” a ese mundo, a súa pel semellaba unha paleta de pintor coa gama completa de cores. Non faltaba ningunha...
Mais, a partir dese momento, co paso do tempo, as cores ían esvaecéndose da súa pel, ata aflorar unha cor dominante...
Habíaos negros, brancos, grises, marróns, amarelos, pero tamén os había vermellos, morados, laranxas, azuis, verdes,...
Casualidade, ou non, a gran maioría dos novos seres remataban adoptando a cor dos seus proxenitores, ou do grupo de seres cos que se relacionaba.
Había cores de moitos tipos: había unha cor prepotente que se cría superior a todas, algunhas que sufrían menosprezo, outras que eran intolerantes, unha que outra que era egoísta e sen empatía...
Este mundo tiña miles de milleiros de anos, e dende tempos inmemoriais había unha loita constante entre cada cor.
Co paso dos anos as cores máis sensatas, comezaron a analizar drasticamente a situación que estaban a vivir: emerxeron do seus adentros sentimentos como a empatía, a solidariedade, o respecto, a equidade...
Observaron atónitos, como as súas peles mudaban... emerxían novas cores, tinguíanse de novo.
Mais, algúns seres, os das cores cargadas de prexuízos, estaban tan cegos, que non eran quen de ver esa explosión de cor.
Paseniño, moi paseniño, moitas xentes dese mundo tornaron en “multicor”. Uníronse e propuxéronse loitar para conseguir que o seu mundo fose un lugar libre de rancor, de carraxe, de odio, de rabia, de menosprezos... loitar para que todas as cores fosen iguais, coa mesma valía, cos mesmos dereitos!
LOITAR POLA EQUIDADE!
Berena Fontela Turnes
4.xuño.2020

Porque todos nacemos puros, e o odio aprendémolo dunha sociedade na que segue habendo xente que non sabe o que é a equidade.
Non miremos para outro lado. “Se non somos parte da solución somos parte do problema”.
Porque todos pertencemos á mesma raza: A RAZA HUMANA.
Loitemos xuntos POR UN MUNDO DE CORES!
#porunmundodecores
#paremosoracismo
#georgefloyd


Sentinme na necesidade de escribir estas verbas para mostrar o meu pesar ante os acontecementos que se están a vivir en E.E.U.U. despois da morte de GEORGE FLOYD.
Realmente a min estes días tamén ME CUSTA RESPIRAR!

Como educadora síntome na obriga de loitar para que o meu alumnado medre dentro dun mundo de valores libre de discriminacións, de calquera tipo: raza, sexo, relixión, orientación sexual... Para que a súa pel e o a súa mente, sempre estean repletas de todas as cores.

Creo que a ocasión merece que comparta con vós un vídeo que realicei hai varios cursos co meu alumnado (por aquel entón de 1º, agora xa de 4º de E.P.) para conmemorar o Día da Paz, pero que debemos ter presente todos os días da nosa vida.

“LXS NIÑXS QUEREMOS LA PAZ”



“POR UN MUNDO DE CORES!”