luns, 15 de xuño de 2020

XUNTOS


Para gran parte da nosa sociedade a ESCOLA reducíase a un lugar onde o alumnado se limitaba a asimilar contidos... Mais, despois destes meses nos que tivemos que trasladar a escola aos fogares, penso que quedou claramente demostrado que é moito máis.

A ESCOLA é, e debe ser, unha sociedade en miniatura, onde as relacións sociais cobran gran relevancia, sendo as relacións entre iguais fundamentais na aprendizaxe do alumnado. Xusto o que non se puido levar a cabo por mor do confinamento a causa da COVID-19.

As clases seguiron virtualmente. Xs nenxs traballaron a reo e seguiron aprendendo dende as súas casas, mais, faltaba unha das cousas máis importantes... XS COMPAÑEIRXS!

A educación en valores, as normas sociais, o control das emocións, a expresión dos sentimentos... todo iso desapareceu da noite para a mañá.

Non só faltaron as relacións cxs compañeirxs de clase, tamén as interaccións co alumnado doutros niveis cos que compartían multitude e actividades. Os momentos de lecer e xogo libre no patio onde a creatividade e a imaxinación se liberaban chegando ao seu máximo expoñente.

Tamén faltamos nós, XS MESTRXS! Que intentamos estar presentes a través de correos, videochamadas, propostas de actividades conxuntas na distancia...Pero non puidemos estar en carne e oso.



FALTABA A ESCOLA!
O lugar físico e o psicolóxico. O mobiliario e as persoas que a conforman. As vivencias diarias. Os problemas que xorden da convivencia e os mecanismos para arranxalos. Os vínculos de amizade. Os xogos. As conversas. As risas. As bágoas. As emocións a flor de pel. As aprendizaxes conxuntas e as individuais que se producen grazas á interacción cos demais.

Claro que as aprendizaxes con importantes. Pero, aprender non é memorizar conceptos, APRENDER VAI MOITO MÁIS ALÁ!

Porque o máis importante da escola é que todas as persoas que formamos parte dela podemos...

APRENDER DÍA A DÍA
XUNTOS

Por iso, a continuación, deixo unha MONTAXE con imaxes das deste curso. Lembranzas que permanecerán sempre nos nosos corazóns.



SEMPRE XUNTOS!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.