venres, 1 de maio de 2020

AÍ VEN O MAIO DE FLORES CUBERTO...


Tomando emprestadas as verbas da canción de Sabina...
QUEN NOS ROUBOU O MES DE ABRIL?
1 MES, 4 SEMANAS, 30 DÍAS coas súas respectivas noites, 720 HORAS, 43.200 MINUTOS, 2.592.000 SEGUNDOS do noso TEMPO.

Un TEMPO que dende alá polo mes de marzo, cando comezou o confinamento, relativizouse. Un tempo que comezamos a valorar e a interpretalo dun novo xeito. Un tempo no que non existían as présas, un tempo para pasar en familia, un tempo para convivir fortalecendo os vínculos familiares, un tempo para gozar das pequenas cousas que antes non eran relevantes. Un tempo para unirnos e loitar XUNTOS!

Os días ían pasando paseniño e moitas veces cargados de rutinas que facían que as paredes dos nosos fogares nos “afogasen” privándonos do “aire” que tanto precisábamos.

Un mes gris, con días cargados de escuridade, con horas eternas... mais... conseguimos espantar á negra sombra: con cancións de balcón a balcón, con bailes arrítmicos pero felices, con xogos en familia, con receitas nunca antes preparadas, con doces antes xamais amasados, con conversas que non tiñamos présa por rematar porque dispoñíamos de todo o tempo do mundo para falar e escoitar, con aplausos de agradecemento a través das fiestras, con solidariedade e empatía cxs veciñxs... CON AFOUTEZA!

Onte despedimos o mes de abril, un mes que perdurará por sempre nas nosas lembranzas. Que pasará á historia da humanidade, por ser un mes no que a humanidade loitou unida e confinada contra unha pandemia global.

Grazas ao sacrificio que XUNTOS fixemos no mes de ABRIL, arrancamos MAIO cargados de positivismo e de esperanza. Comezamos este mes pensando nas fases de DESESCALADA que nos conducirán cara unha NOVA NORMALIDADE!

Temos saudade de SAÍR! E o mes de maio é o noso salvoconduto. Con responsabilidade e sensatez sairemos antes, e agardo que o fagamos reforzados.

Por iso, quero darlle a BENVIDA ao mes de MAIO como se merece... pois queremos que florezan todas as esperanzas que temos postas nel:
“AÍ VEN O MAIO DE FLORES CUBERTO...”

O sentir deste poema de Curros Enríquez esconde, o sufrimento do pobo galego sumido na miseria e na fame de finais dos anos do século XIX, ao tempo que alberga o desexo de ter un futuro mellor. O mesmo que ansiamos nós hoxe en día: que todo isto pase, deixalo atrás, para recuperar a normalidade, pero non a de antes, se non unha nova, e mellor, xa que rexurdiremos máis fortes e sabixs, grazas a todas as aprendizaxes destes días confinados.


Penso que as de Curros, son unhas fermosas verbas para saudar ao mes da esperanza.


* Aquí vos deixo a versión musicada que Luis Emilio Batallán fixo do poema de Curros.



O MAIO
Aí vén o maio
de frores cuberto ...

Puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sonvos o probe
do pobo gallego:
pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno! ...

Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero ...

Queredes castañas
dos meus castiñeiros? ...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.

Manuel Curros Enríquez
Aires da miña terra

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.