mércores, 20 de abril de 2016

SAÍDA: CONTACONTOS!

Dende que comezou a semana, os pequech@s estaban desexando que chegase este día. Todo o que teña que ver con montar en autobús, esperta unha gran expectación neles. E neste caso aínda máis, xa que ademais de ir en bus, escoitarían un CONTACONTOS; unha das actividades que máis lle gustan e da que están gozando ao máximo neste mes de Abril cos "contacontos familiares" que estamos levando a cabo na aula.

Entraron na aula cun sorriso de orella a orella e cun nerviosismo que facía que non parasen de preguntar... cando marchamos?

A hora non lles daba chegado, por iso cando viron achegarse o autobús pola fiestra e aparcar enfronte á nosa aula... desatouse a locura!

A viaxe en bus foi curta, pero aproveitárona ao máximo: polo barrio, sinalábanlle aos compañeiros onde quedaba a súa casa, e logo fixábanse nos diferentes lugares da cidade que coñecían.




Pronto chegamos ao instituto Rosalía de Castro, ao lado da Alameda, onde o autobús nos deixou, e ahí comezamos o nosa camiñata polas rúas da zona vella da nosa fermosa cidade, ata chegar á GALERÍA SARGADELOS, onde nos agardaban!

Un son cautivador comezou a soar e a tirar por nós... Subimos á 2ª planta, guiados polas notas dun acordeón que nos estaba esperando na SALA DOS CONTOS.




Íamos a gozar da XVI CAMPAÑA MUNICIPAL DE ANIMACIÓN Á LECTURA, que este ano ten un titular moi acorde co tempo da nosa terra...

CONTOS PARA DESPOIS DA CHUVIA



O primeiro que fixeron foi recitarnos unha poesía que recollía a temática deste evento, que como o seu nome indica xira en torno ó conto que lle da o nome.



Así comezaba o contacontos, coa historia de "CONTOS PARA DESPOIS DA CHUVIA" na que un intenso aguaceiro fai que o bosque se inunde e que os animais teñan que fuxir a unha cova montaña arriba; unha vez alí os animais comezaron a organizarse para realizar diferentes traballos precisos para convivir, pero ao raposo non lle deixaban facer nada porque era pequeno. Máis ao final deulles unha lección pois conseguiu unha das cousas máis importantes... luz! duns lucecús que atopou.



O seguinte conto, foi un que xa coñecíamos porque contáramolo no cole varias veces durante o proxecto do espazo: "A QUE SABE A LÚA?". Nel contáronnos a historia dun grupo de animais que colaborando entre eles conseguiron chegar ata a lúa, arrincarlle un anaquiño e probalo. Unha gran lección!




Todas as historias ían acompañadas de diferentes instrumentos: predominaba o acordeón, pero tamén empregaron un pao da chuvia, unha frauta de émbolo e unha carraca



A última das historias transportounos a un lugar moi especial da sala dos contos: o estudo do pintor Xosé Cobas, que realizou pinturas moi fermosas que recopilou no conto "Cadros dunha exposición" na que unha oca azul desfruta da súa obra.




Dentro dese estudo contáronnos o último conto "O ARTISTA QUE PINTOU UN CABALO AZUL" que narra a historia de Franz, un neno que disfruta pintando e fai animais moi singulares, aínda que o que máis lle gusta é pintar cabalos azuis.





Para despedirnos, ensináronnos unha sala adicada a unha balea moi especial.






Os pequech@s quedaron encantados. Como agasallo déronlle un marcapáxinas. Na parte de atrás veredes que o día 14 de maio podedes ir cos vosos fill@s e desfrutar xuntos do contacontos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.