Os pequech@s trouxeron durante días pasados PIÑAS de piñeiro para realizar... teredes que agardar a mañán para averigualo. Pero polo momento podo adiantarvos que no día de hoxe realizamos unha análise en profundidade das piñas para aprender todo o posible sobre elas.
Cos 5 sentidos alerta, comezamos polo fundamental: QUE SON AS PIÑAS?
Buscamos imaxes da árbore que da piñas... O PIÑEIRO para comprobar se a coñecían, e despois observaron, tocaron e uliron as follas do piñeiro: chamoulles a atención que "non tiñan forma de folla" pois parecian pauciños, agullas... que incluso picaban.
Fixemos o mesmo coas piñas, neste caso nunha que estaba en pleno crecemento e aínda era moi brandiña e pequeneira. Outra que estaba pechada era dura e pesaba bastante, e unha terceira que estaba aberta, menos dura e menos pesada.
ANXO CASTRO e ANXO DOVAL trouxeron unhas "cousas moi peculiares": unhas pequenas "folliñas" cunha semente engancha na parte final... tratábase dos PIÑÓNS. Un bocado delicioso para os esquíos e para as persoas tamén.
Observamos algunhas das piñas que trouxeron para comparalas: tamaños diferentes, cores diferentes (marróns máis ou menos escuros) e algunhas pechadas e outras abertas.
Logo plantexamos varias cuestións para reflexionar entre todos:
Por que teñen tamaños diferentes?
- "Porque unhas medraron máis".
- "Porque unhas son pequenas ainda e outras son máis grandes"
- "Porque naceron antes"
Por que teñen cores diferentes?
- " Porque non todas as piñas son iguais de cor"
- " Como as follas dunha árbore que non son todas iguais, casi casi, pero non!"
Por que unhas están abertas e outras pechadas?
- "Porque pechadas teñen que medrar máis"
Sen embargo comparamos e observamos que había piñas grandes pechadas e algunha máis pequena aberta... por que?
- Unha metémola nun recipiente con auga.
- Outra colocámola sobre un pano húmido.
- E a última deixamola tal cual (seca)
Que pasará? A hipótese que plantexaron, no momento no que viron a auga, foi que a piña se ía pechar; e que as outras dúa non.
Ao longo da mañán achegámonos varias veces a observar, e efectivamente, a medida que pasaba o tempo, a piña que estaba na auga... pechábase!
* A piña que estaba no recipiente con auga - PECHOUSE DE TODO.
* A piña que estaba sobre o pano húmido - PECHOUSE UN POUQUIÑO.
* A piña que estaba sen nada - QUEDOU IGUAL.
Primeiro recordamos que as piñas están nas árbores e non dentro da auga... asi que como poden pecharse? como se mollan? Pois coa auga da choiva!
Conclusión: CANDO CHOVE AS PIÑAS PÉCHANSE!
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.