sábado, 30 de abril de 2016

COUSIÑAS VARIAS!

Hoxe IAGO trouxo varias  cousas curiosas para ensinarnos:

O seu avó Ricardo (que tivemos o praceer de coñecer cando fomos á súa casa na nosa visita do millo), preparoulle un ASUBIOTE moi especial cun pao. Cando Iago o fixo soar, todos quedaron abraiados! O avó Ricardo é un auténtico manitas!

Tamén trouxo unhas FOTOS nas que está traballando na terra, axudando ao seu avó a plantar patacas. Iago explicounos que estivo preparando a terra, botando as patacas, o mineral... Ata nos ensinou unha foto na que sae o seu irmán Lucas no tractor, xa que Iago díxonos que a el o tractor non lle gustaba moito.


E o prato forte... 2 TRITÓNS!




Encantounos poder ver de preto estes animaliños, que teñen en común algo coas ras: son ANFIBIOS! Viven na auga e na terra. 




Buscamos os tritóns nun dos libros, que precisamente trouxera Iago, sobre os animais; e tamén nun libro que trouxeron os de 4 anos B, pois invitámolos a vir a velos tritóns á nosa aula.


Observamos os dous tritóns e buscamos semellanzas e diferenzas:

* Ambos teñen unha cor similar.
* O tamaño varia: un máis gordo e outro máis fraco.
* As barrigolas de cor alaranxado e con pintiñas.



Comparámolos co noso cullarapo que xa ten as 4 patas, e puidemos ver que teñen varias cousas en común:
* O número de patas.
* A forma da cabeza.
* A cola.

Durante a mañán, levamos un pequeno susto, pois o tritón máis gordiño, "foi de paseo" e apareceu preto do rato do ordenador.

Moitas grazas por traer todas estas cousas para mostrárllelas aos teus compis.


xoves, 28 de abril de 2016

LECTOESCRITURA: Letra I



Deíxovos aquí o mural que estivemos realizando días pasados con imaxes que comezaban pola letra I. 




A letra de... IAGO e ISMAEL.




Agora eles xa xoñecen a rutina de traballo e cada día todo sae mellor e dun modo máis fluido.

* Primeiro os pequech@s presentan as imaxes que trouxeron da súa casa, para que os seus compañeiros as digan.


* Elixen unha e pégana no mural.




* Realizamos unha actividade individual na que cada nen@ pega as imaxes restantes e intenta escribir so o seu nome.


Algunhas das palabras que sairon coa letra I foron: IGREXA, IGLÚ, INVERNADEIRO, ILLA, IMPRESORA, IMPERMEABLE, IGUANA, ICEBERG, IRMÁNS, INCENDIO, IMÁN, INDIO, IMPERDIBLE, INFUSIÓN...

PATIÑAS DIANTEIRAS...

Todos os días a medida que os pequech@s chegan ao cole e van entrando na aula, teñen a costume de coller a lupa e observar os nosos cullarapos.

E hoxe levamos unha sorpresa... un dos cullarapos que xa tiña as dúas patas traseiras, tiña tamén... 1 pata dianteira! Parece incrible, pero saíralle unha patiña soa, moi pequerrechiña, e ao outro lado o bultiño notabase moito.

Cal foi a nosa sorpresa, que a última hora da mañán volvimos a mirar, e xa lle saira a outra pata; xa tiña as 2 PATIÑAS DIANTEIRAS!

Neste momento, o CULLARAPO ten as patas traseiras máis longas, e as dianteiras pequerrechas, a cor é máis clara e os ollos máis saltóns; polo de agora a cola segue practicamente igual.


Esperemos que quede pouco para ver como se transforma definitivamente en ra!

mércores, 27 de abril de 2016

CONTACONTOS: LINGUAXE DE SIGNOS

Preséntovos a RAÚL, o contacontos máis novo que tivemos ata o momento; e quizais tamén o máis especial, xa que el veu a contarnos un conto empregando a LINGUAXE DE SIGNOS.

Veu acompañado da súa familia: a súa nai María e o seu pai co que comparte nome, Raúl, que é xordo, por ese motivo coñece tan ben esta linguaxe, e emprégaa dun xeito que nos deixou abraiados.

Raúl, escolleu un conto moi especial para contarnos: "EL GRILLO BENITO", no que o protagonista é xordo. Un conto "que nin pintado" para esta ocasión.


Mentres Raúl signaba, a súa nai acompañaba oralmente o conto.




Esta fermosa historia fala sobre Benito, un grilo xordo, que non pode escoitar debido a un forte catarro que tivo de cativo. Pero o seu amigo caracol ensinoulle a "sentir" os sons sen necesidade de escoitalos, empregando o tacto. Isto axúdalle a Benito a detectar que algo raro acontece durante un concerto que da a orquestra dos seus amigos insectos. O grilo Benito ule e sinte unha presenza extraña... a galiña Catalina! Grazas a ter máis desenvoltos os outros sentidos, Benito salva aos seus amigos de ser devorados pola galiña. 

Despois de gozar ao máximo con este conto tan fermoso, puidemos preguntarlle varias curiosidades á familia de Raúl sobre a linguaxe de signos, e aprendemos cousas moi interesantes.

* Hai un abecedario de signos.
* Os nomes sígnanse letra a letra; pero as persoas xordas teñen un xesto único e particular para nomear a persoas coñecidas. Este xesto pode vir determinado por algo característico desa persoa.
* Para signar o habitual e signar palabras enteiras e non deletrealas.
* A linguaxe de signos non é igual para todos os idiomas.

Pareceunos tan abraiante a linguaxe de signos, que imos a seguir traballando con ela nos vindeiros días. 

MOITÍSIMAS GRAZAS POR TODO FAMILIA!

E grazas tamén a Eva e Javi, os pais de Xulia, por facer posible que levásemos a cabo esta fermosa, enriquecedora e inolvidable experiencia!

CHOCOLATE SUIZO

XOÁN, un compañeiro da aula de 4 anos B, foi a pasar uns días a SUIZA, e trouxo un "agasallo" doce para compartir con todos os seus amig@s... OVOS DE CHOCOLATE


O chocolate suizo é coñecido mundialmente por ser delicioso. E cando o probamos, puidémolo comprobar... mmm!

Buscamos no noso mapa SUIZA, e decatámonos que ademais de quedar moi pretiño de onde nós vivimos, tamén é moito máis pequecho que o noso pais; de xeito ao colocar o gomet vermello para situalo, este tapouno.

MOITÍSIMAS GRAZAS XOÁN!


martes, 26 de abril de 2016

+ PLANTIÑAS NOS SEMENTEIROS

Nos nosos sementeiros as plantiñas, durante a fin de semana, afloraron e medraron.






No sementeiro de pipas de cabaza, as 3 plantiñas que había medraron moito, sobretodo unha; e naceron 2 máis, en total temos 5 PLANTAS DE CABAZA


A máis grande, pesa tanto, que non se ten en pé, así que lle colocamos unha palliña para guiala (pois non tiñamos ningún pao e improvisamos).






No sementeiro de pipas de xirasol, naceron moitísimas plantiñas novas.





Aproveitamos para observar a maceta de "O NOSO SEGREDO", e, polo de agora... segue sendo un segredo ben agochadiño. Toca seguir agardando.

CULLARAPO CON 2 PATAS!

Dende días atrás vimos observando coma a varios dos nosos cullarapos lle sairan 2 bultiños que pouco a pouco se foron transformando nas súas patiñas traseiras.

En días pasados as patas eran tan pequenas que para os pequech@s non era fácil velas, nin sequera coa lupa, pero hoxe pescamos un dos cullarapos para poder observalo mellor e vimos as 2 PATAS TRASEIRAS perfectamente.



Despois os nen@s debuxárono para que formase parte do noso DIARIO DOS CULLARAPOS, que como sabedes cubrimos periodicamente cos datos que imos observando. 


MOCHILA VIAXEIRA: PEDRO

Come onte recibimos a visita sorpresa da profe Kika e ademais puidemos gozar de dous magníficos contacontos, non puidemos abrir a MOCHILA VIAXEIRA que viñera da casa de PEDRO, e tivemos que facelo hoxe.


O que máis lle gustou a Pedro de levar o mochila foi poder compartila con toda a súa familia.  O libro que lle apasionou foi "MARCOPOLA", pero tamén lle gustou moito que o seu avó lle ensinase o de "O RÍO E A LAGOA" xa que é un pescador experto e contoulle un montón de anécdotas. Tamén gozou co conto de "SACAPENAS", xa que na casa tiña unha pequena caixiña con estes peculiares bonecos, que lle trouxera o seu tío de Guatemala.



Esta semana a MOCHILA VIAXEIRA marcha para a casa de MARTÍN.




luns, 25 de abril de 2016

CONTACONTOS FAMILIARES

Hoxe o pai de CLAUDIA, veu a nosa aula a contarnos un conto moi especial, xa que nel falaba sobre o seu país natal: PERÚ

Volvemos a buscar no noso mapa onde quedaba, pois xa o tiñamos marcado cun gomet vermello (coma todos os lugares sobre os que aprendemos algo).

Falamos deste país cando Claudia trouxo a mochila viaxeira ao cole. Ademais o seu pai hai poucos días regresou dunha viaxe polas súas terras.

O conto que nos contou foi "CHIMOC EN MACHU PICCHU" No que unha galiña xunto cun grupo de animais amigos dela, ían a Machu Picchu e como a galiña quería facer unha casa máis grande, quería levar as pedras de alí para construila...


Durante o conto fálasenos deste fermoso lugar construído polos INCAS que hoxe en día está entre as 7 maravillas do mundo.







Aproveitamos que estaba o pai de Claudia, para buscar imaxes sobre Machu Picchu e que nos contase algo da súa historia. 


MOITÍSIMAS GRAZAS POR TODO!

Os pais de MAURO, un neno da clase de 5 anos da profe Marisa, viñeron a contar o conto de "EL PEZ ARCOIRIS"... con LUZ NEGRA!

Montaron unha escenografía chulísima na aula 1, e con toda a aula a escuras os pequech@s puideron gozar deste conto tan especial con esta fermosa posta en escea.


MOITÍSIMAS GRAZAS por deixarnos desfrutar do voso traballo e deste fermeso conto! 


VISITA SORPRESA!

Non hai mellor maneira de comezar a semana que cunha SORPRESA, e se é coma a que nós recibimos hoxe... mellor que mellor!

Veu a visitarnos... KIKA! A mestra dos pequech@s o curso pasado!

Quedaron abraiados e recibírona cunha forte aperta. Puidemos gozar da súa compañía todo o día. 


Troúxonos uns chupas de agasallo!

Moitísimas grazas pola túa visita Kika, ogallá poidas volver antes de que remate o curso!