mércores, 27 de abril de 2016

CONTACONTOS: LINGUAXE DE SIGNOS

Preséntovos a RAÚL, o contacontos máis novo que tivemos ata o momento; e quizais tamén o máis especial, xa que el veu a contarnos un conto empregando a LINGUAXE DE SIGNOS.

Veu acompañado da súa familia: a súa nai María e o seu pai co que comparte nome, Raúl, que é xordo, por ese motivo coñece tan ben esta linguaxe, e emprégaa dun xeito que nos deixou abraiados.

Raúl, escolleu un conto moi especial para contarnos: "EL GRILLO BENITO", no que o protagonista é xordo. Un conto "que nin pintado" para esta ocasión.


Mentres Raúl signaba, a súa nai acompañaba oralmente o conto.




Esta fermosa historia fala sobre Benito, un grilo xordo, que non pode escoitar debido a un forte catarro que tivo de cativo. Pero o seu amigo caracol ensinoulle a "sentir" os sons sen necesidade de escoitalos, empregando o tacto. Isto axúdalle a Benito a detectar que algo raro acontece durante un concerto que da a orquestra dos seus amigos insectos. O grilo Benito ule e sinte unha presenza extraña... a galiña Catalina! Grazas a ter máis desenvoltos os outros sentidos, Benito salva aos seus amigos de ser devorados pola galiña. 

Despois de gozar ao máximo con este conto tan fermoso, puidemos preguntarlle varias curiosidades á familia de Raúl sobre a linguaxe de signos, e aprendemos cousas moi interesantes.

* Hai un abecedario de signos.
* Os nomes sígnanse letra a letra; pero as persoas xordas teñen un xesto único e particular para nomear a persoas coñecidas. Este xesto pode vir determinado por algo característico desa persoa.
* Para signar o habitual e signar palabras enteiras e non deletrealas.
* A linguaxe de signos non é igual para todos os idiomas.

Pareceunos tan abraiante a linguaxe de signos, que imos a seguir traballando con ela nos vindeiros días. 

MOITÍSIMAS GRAZAS POR TODO FAMILIA!

E grazas tamén a Eva e Javi, os pais de Xulia, por facer posible que levásemos a cabo esta fermosa, enriquecedora e inolvidable experiencia!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.